O proxecto Climántica desde os seus ámbitos escolar e universitario: IES Virxe do Mar como centro coordinador da rede escolar do proxecto e o grupo de investigación universitario SAIBA- Interea da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en consorcio co Grupo de Medicina Xenómica da USC e Fábrica de Ciencia Viva da Universidade de Aveiro, convocan o congreso xuvenil virtual internacional CLMNTK18. Este congreso xuvenil ten dúas grandes finalidades:
- Sensibilizar á poboación, a través de creacións de produtos multimedia para difundir a través do portal do congreso virtual, sobre os retos ambientais globais contemporáneos: cambio climático, enerxía, auga, cambio global no océano e conservación da biodiversidade xenética.
- Seleccionar, de acordo coas bases expresadas nesta convocatoria, aos estudantes que participarán no campus xuvenil internacional CLMNTK18 de Aveiro, e con eles aos docentes que orientan os produtos elaborados polos seus alumnos, neste caso para formar parte do seminario docente de investigación acción sobre o campus acreditado con 48 horas de formación por parte do Ministerio de Educación, Ciencia e Deporte ( MECD) a través do convenio coa AEPECT para a formación permanente do profesorado. Tamén permitirán seleccionar aos centros interesados en participar no campus de Costa Rica que está previsto que se celebre en Semana Santa de 2019.