Selección para campus

Os traballos que os alumnos subirán á plataforma do congreso xuvenil virtual internacional deben estar deseñados para que desde a visualización nesta plataforma sexan capaces de sensibilizar á cidadanía sobre os seguintes retos ambientais globais e as relacións entre eles, en especial co quecemento global: cambio climático, enerxía, auga, océano e biodiversidade xenética.

Os estudantes que poden subir traballos á plataforma con opcións de ser seleccionados para o campus poden estar en calquera sistema educativo do mundo niveles equivalentes aos seguintes do sistema educativo español (≥11 anos): sexto curso de Educación Primaria, ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos

Un xurado formado por expertos de Educación Ambiental profesores, investigadores e divulgadores científicos valorará os traballos presentados e elixirá os proxectos gañadores, cuxos autores serán premiados coa participación nun campus de verán científico-artístico-socio-ambiental. Esa valoración pondérase nun 75% da puntuación final. O 25% restante obtense das valoracións dos usuarios utilizando o sistema de votacións de Facebook.

Só se poderán seleccionar aqueles produtos que cumpran as dúas condicións xerais: 1) ser de autoría individual ou en parellas, e 2) que obteñan polo menos o 50% da puntuación máxima do xurado. Para a selección equilibrarase a calidade dos produtos expresada pola valoración global resultado da ponderación da puntuación do xurado e das votacións de Facebook, coa procura da máxima representación territorial e de comunidades educativas. Por iso non se outorgará un segundo premio a unha mesma comunidade territorial se noutra quedan traballos cos requisitos mínimos sen seleccionar. Tampouco se outorgará un segundo premio a unha mesma comunidade educativa mentres non se seleccionen traballos de comunidades educativas con traballos que cumpran as condicións xerais. Cando corresponda asignar dous ou máis traballos seleccionados a unha mesma entidade territorial ou ao mesmo centro educativo, priorizaranse os centros da rede Climántica de EDUCO2 cean-Erasmus+ (apartado de Schools de www.educo2cean.org)

O xurado valorará todos os traballos, incluídos aqueles que superen o número dos dous autores e cuxa autoría non corresponda aos niveis educativos establecidos para a selección do campus. Os criterios de valoración que aplicará o xurado e que se recomendan para os usuarios que votan a través de Facebook son:

  • Grao de adaptación ás bases da convocatoria.
  • Orixinalidade da proposta.
  • Rigor na elaboración.
  • Capacidade de sensibilización.
  • Grao de madurez, en relación coa idade, na elaboración técnica.
  • Capacidade de relación entre coñecementos diferentes e comprensión dos mesmos.
  • Acerto na fórmula de presentación do produto para unha eficaz difusión e sensibilización a través do portal do congreso virtual.

As votacións dos usuarios da web quedarán activadas no momento da publicación do traballo. A plataforma informará daqueles traballos que reciban máis votos, que presentará como máis populares. A data límite para dar a coñecer os resultados definitivos das valoracións do xurado será o día 10 de xuño 2018. Unha vez publicada esta valoración definitiva, pecharase tamén as votacións dos usuarios e quedará así establecida a relación de premiados e de suplentes.

A data límite para presentación de traballos con dereito a valoración do xurado é o 31 de maio de 2018. Para que os traballos sexan seleccionables, ademais de cumprir as dúas condicións xerais, os docentes que os orientaron deberán enviar un correo a climantica@climantica.org, con copia ao correo corporativo dos seus centros educativos, ata o 3 de xuño. Ese correo debe conter os seguintes datos:

  1. Nome e apelidos do docente
  2. Especialidade e niveis nos que exerce
  3. Título, url do traballo publicado na plataforma, nome e apelidos dos seus alumnos
  4. Datos do centro educativo ao que pertencen (nome, dirección postal, dirección de correo electrónico e teléfono con prefixo do país)
  5. Expresión do compromiso de acompañar e custodiar aos seus estudantes e de incorporarse ao seminario docente de investigación acción sobre o campus, acreditado con 48 horas de formación por parte do MECD